Sunday 28 de April de 2024

“Mellor local, mellor galego”, campaña do BNG para apoiar ao comercio ribeirense


Pérez Barral congratulouse de que o bono comercio, medida proposta polo BNG, se reedite para estimular a economía local

O BNG ribeirense iniciou este sábado a campaña de apoio ao comercio local baixo o lema “Mellor local, mellor galego” coa que procura concienciar á poboación sobre a importancia de realizar as compras nos negocios da localidade.

O portavoz Luís Pérez Barral, acompañado de militantes da localidade, fai un chamamento a consumir no comercio de proximidade nestas datas de grandes compras porque “consumir produtos galegos, xera riqueza e emprego e reforza o comercio sustentable”. Barral considera que consumindo nos negocios locais favorécese a dinamización económica da nosa contorna, axúdase a persoas próximas e obtéñense produtos a bo prezo e de calidade.

Propostas en positivo para o comercio

Os nacionalistas incidiron na necesidade de seguir impulsando este sector gravemente afectado pola inflación e a crise de prezos. Barral puxo en valor que este ano se reedite o bono comercio por ser unha iniciativa proposta polo BNG co aval do sector comercial. “Cando propuxemos esta medida na Asociación de Empresarios e no Concello todos a viron positiva por iso este ano haberá máis persoas beneficiarias, o que permitirá xerar un impacto económico positivo no comercio e hostalaría de Ribeira e axudará a moitas familias a afrontar os gastos do Nadal”.

Os nacionalistas mostraron a súa alegría porque, segundo din, “o ano pasado recibimos moitos comentarios positivos por termos impulsado unha medida como esta, agardamos que esta edición teña igual ou mellor acollida”.

A campaña de apoio ao comercio local do BNG inclúe outras propostas como a necesidade de promover unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque “a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes”.

Por último, desde o Bloque reclaman axudas para dixitalización e creación de emprego estable así como a idoneidade de crear un selo de calidade que identifique a orixe dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da horta que favorezan a súa comercialización.